viernes, 23 de octubre de 2015

Miña nei ten razón


- Ti non comprendes todo o que fago por ti!

Escoitou aquelo asombrada, non daba crédito ao que estaba a chegar aos seus ouvidos. Menos ainda a aquela ollada airada, chea de indignación, de súpeto parecía non coñecer aquela persoa.

Botouse da cama como quen foxe do demo. Despois, no baño, de diante do espello, lembrou aquela frase tan típica da súa nai... "Os homes non naceron para querer a ningúen, pódelo crer." Había poucas palabras en todas as linguas do mundo que odiase tanto coma aquelas.

Ollou o seu rosto no espello, os hombros lixeiros, o pescozo, os peitos...

- Son bonita, raio!

Voltou ao cuarto e el xa non estaba alí. Vestíuse de vagar, pasou a man polas sabas, enérxicamente, como querendo borrar calquera rastro da súa presenza, e saiu pola porta coma un lóstrego.

Mentres camiñaba sentía a carraxe aló adentro, medrando sen parar. E no último momento, ollou para atrás. El ficaba debruzado na fiestra, inmóbil, con un cigarrillo tremendo nos dedos.

- Miña nai tiña razón, cona!

No hay comentarios:

Publicar un comentario