domingo, 4 de octubre de 2015

É só cousa de tempo

Non somos un país insignificante, non. Somos un país derrotado. E por máis que tenten calar, imos sabendo. E canto mais calan, máis sabemos. E alí onde non sabemos, vimos a adiviñar, porque non todo é racional e demostrable. Eles encheron de mentiras os seus libros de "historia" e nós inventamos todo canto queimaron ou botaron no pozo do esquecemento.

Tiña que haber unha explicación para tanto noxo. O que non foi, non conta, nin precisa de castigo ou ameaza. Pero ai do que erga o corpo (e a man despois) contra do que manda!! Ese só ten un camiño, que é trunfar. Velahí a explicación. O derrotado ten de ser sinalado como o noxo mesmo, a causa mesma da existencia do inferno, o destinatario perenne da inmundicia toda. Señores de Castela e señores de Deus(o seu reino é deste mundo e xa non o poden desimular), unidos no cumprimento do deber. Por séculos. De algún sitio había de vir tanta xenreira e tanto sentimento de inferioridade.

O rastro, ficou nos diccionarios. "Gallego.- Tonto, falto de entendimiento o razón...; mozo de cuerda." Tamén nas obras cumbre la literatura española, onde os Lopes, os Góngoras e mesmo os Cervantes tiveron bo cuidado de reproducir o escarnio para que non esquezamos nunca. "Antes moro que gallego". Os galegos, estúpidos. As galegas, putas. Impecable retrato do que non debe erguerse máis do chan.

Pois ben, han ser outras cousas as que non esquezamos. Porque as derrotas pasan. E os trunfos fican expostos ao paso do tempo. Veremos onde van dar os Lopes e os Góngoras e os Cervantes. E os Fragas e os Rajoys.

Non esquecemos, non. E por se iso fose pouco, quedan centos, miles, millóns de testemuñas. É só cousa de tempo.


Imaxes: Tomba de Inés de Castro en Alcobaça, Portugal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario