lunes, 27 de julio de 2015

Rosmando pensamentos


Non hai tanto tempo, pensei que isto das ideoloxías é algo bastante relativo, por non decir claramente falso. Non o direi claramente porque non estou seguro.

Agora que nos vemos todos envoltos nesta roda de miseria que tenta levarnos non se sabe moi ben onde, toca facer exame de conciencia e, a pouco honesto que ún sexa consigo, compre concluir que se nos vai tan mal é porque estamos tan pringados coma o señor Botín, o banqueiro. Porque ben podiamos liscar para Cuba, coma o Willy, e mesmo sen liscar poderiamos vivir nun cacho de terra cunha hortiña e un pozo non moi fondo.

Caemos nas redes do mundo civilizado, a cultura, o glamour, e mesmo no dolce-far-niente se nolo poñen doado. E qué raio terá iso que ver con sachar unha hortiña e conformarse despois coas leiturgas e os nabos e algunha tomateira...

Alá polos medios de incomunicación andan lareando un dia si e outro tamén arredor do asunto da ideoloxía. Que si a un tipo que gaña centos de miles de euros nun mes se lle pode aplicar un deses adxectivos que rematan por "ista". É Willy comunista? Pódese ser comunista co peto ben cheo de cartiños? É Alejando Sanz un tipo moi riquiño ou un millonario asimilado pola linguaxe e o comportamento das multinacionais? Un tonto rico?

Non sei. Pero ando preocupado por catro papeliños que teño gardados polos bancos (varios, así, se afunden, algún ha salvar, din os que entenden...) e parta un raio se me afasto deles máis aló dos límites da vila. É iso ideoloxía? Pois sí. Iso é ser pro-capitalista de facto, por moito que as ideas leven etiquetas diferentes. Téñennos ben pillados porque andamos pringados ata o pescozo e acabouse. E o que ten catro anda algo máis pringado ca o que ten tres, facede vós as contas...

Por se fora pouco recoñecer que andamos a colaborar con persoaxes tan siniestros coma os banqueiros, tamén se me ocorre que a nosa suposta bonomía, o aquel que ten o ser "boa persoa", anda tamén máis limitado do que nos gustaría admitir en según qué espazos ou momentos. Hai un par de días que me crucei pola rúa cun deses seres que nacen predestinados. O pai borracho, da nai decíase que tiveron que aprenderlle e falar (o pouco que sabía) cando o destino a afastou do rabaño de cabras que atendía dende nena aló pola Cabreira. Vivían frente da casa. Un dia decidimos correr ben as cortinas. Non se pode comer tranquilamente mentres botan unha muller polas escaleiras embaixo. A hostias.

O rapaz, que xa é home, pasaba mirando fite para adentro dun local de copas. Á percura de algún, sempre é así. Eu procuro, ti satisfás a miña procura. E os outros pasamos arredor, carregando exclusivamente as nosas vidas, non a súa. E ocorreuseme pensar que ben puiden ter feito algo mais do que fixen, que foi nada. Na-da. E non o digo por auto-flaxelarme. Só por chamarlle ás cousas polo seu nome, que xa nos esquecimos de como se fai.

É doado falar ou escreber en favor dos desfavorecidos. O compromiso (o verdadeiro) é algo máis fondo que non se leva moi alá co entorno este que admitimos coma noso. Que nos condiciona dunha maneira tan brutal que, ás veces, mesmo acudir a unha manifestación resulta ser un esforzo, decídello a quen se gaña a vida recollendo percebes.

A onde imos con ese fardelo? Non sabemos. Se cadra non queremos nin saber. O señor Botín, sí. E os outros.



No hay comentarios:

Publicar un comentario